A posta en funcionamento, en probas, da planta de gas de Reganosa en Mugardos, e das centrais térmicas de ciclos combinados de Sabón (Unión fenosa) e As Pontes (Endesa) case simultaneamente (no verán 2007) indican a posible articulación destes elementos do sistema enerxético da zona do Noroeste. Indican tamén, de forma xeral, unha certa planificación do sistema enerxético nacional. Con todo, unha análise dos acontecementos desvela unha serie de cuestións que afectan este sistema e a operatividade económica e estratéxica da planta regasificadora de Reganosa.

O primeiro problema, sinalado pola Comisión Nacional de Enerxía no seu informe de 14-06-2007, é a conxestión do sistema gasístico na área do Noroeste debido á falta de infraestructura de transporte do gas (é dicir de gasodutos) e ao feito que non existe un sistema en malla que permitiría conectarse á rede do centro da península. Doutra banda, o gasoduto existente que provén de Portugal por Tui e que se dirixe a Asturias (é xa que logo lineal), tampouco ten unha capacidade suficiente como para vehicular cara a outras zonas o gas unha vez entre en funcionaamento a regasificadora de Mugardos. O Ministerio de Industria e o xestor técnico do sistema gasístico nacional (Enagas), encargado de harmonizar e asegurar o aprovisionamento e as infraestructuras no conxunto do Estado comprometéronse fronte á Xunta a construír o gasoduto de enlace coa meseta e ampliar a conexión con Portugal, a pesar de que non aparece incluído no actual plan de investimentos (2007-2012) [20]. Pola súa banda, Reganosa solicitou a duplicación da súa capacidade regasificadora ata un total de 800.000m3/h. Con todo, tanto esta solicitude como o atraso na construción dos gasoductose chocan coa realidade da conxestión producida pola posta en marcha da  planta regasificadora de Reganosa, prolblema que Enagas, nunha análise de novembro de 2006 (citado en CNE 14-06-2007), avaliaba como temporal, predicindo que se resolvería en canto as centrais de ciclos combinados locais entrasen en funcionamento comercial previsiblemente a partir de setembro 2007. Segundo o informe da CNE "De acordo coa información facilitada por Enagas, os maiores problemas produciranse durante os meses de verán de 2007 (de xuño a setembro), xa que a maior demanda dos meses invernais na rexión noroeste evita a necesidade de transportar o gas introducido pola planta de Mugardos a outras rexións do sistema. Ademais a progresiva incorporación de ciclos combinados que consumirán gas na zona, minimizará as necesidades de transporte de gas fóra da área. A entrada en operación comercial da Planta se simultaneará coa entrada en operación, en fase de probas, dos ciclos combinados de Sabón I e As Pontes I e II, polo que Enagas prevé unha situación de conxestión que se manterá para o conxunto do ano 2007, que será especialmente acusada desde o inicio da operación comercial da planta de Mugardos a setembro de 2007, mes no que previsiblemente entrarán os ciclos combinados en operación comercial". (CNE 2007: 17).

E o informe engade: "Ao mesmo tempo, Enagas recoñece a necesidade de dispor da planta de regasificación de Mugardos para atender a demanda na área noroeste, principalmente debida aos ciclos combinados. Nas condicións actuais, sen Mugardos, segundo Enagas, o sistema sería capaz de atender a demanda convencional máis a demanda dun grupo de ciclo combinado. Dado que na rexión prevese que tres grupos de ciclo combinado inicien a súa operación durante o ano 2007, a actividade dos mesmos non sería posible salvo que se introduza gas desde a planta de reganosa en Mugardos" (énfase engadida, CNE 2007: 18). Agora ben, no mesmo informe sobre a entrada en funcionamento da planta de Mugardos e a conxestión provocada no sistema gasístico do Noroeste, sinálase o seguinte: "Doutra banda, tamén na reunión do día 14 de novembro, enagas e endesa puxeron de manifesto que existían dous ciclos combinados, en concreto os dous grupos d'As Pontes, que solicitaban ser fornecidos desde unha planta distinta a Mugardos por outra comercializadora allea ao grupo Endesa, en concreto de Gas Natural. O manexo da conxestión baixo este condicionante faise máis complicado, ao non contribuír o aprovisionamento destes grupos á produción de Mugardos" (CNE 2007: 20).

En efecto, esta última previsión cumpriuse (fíxose pública o 1-09-2007) [21], co agravante de que a comercializadoura Gas Natural indicou explicitamente que non pensa utilizar Reganosa como transportista: "A orixe do problema está nun contrato asinado entre Endesa e Gas Natural que establece que esta última é a encargada de fornecer o gas á central das Pontes. A empresa catalá está disposta a cumprir o pactado, pero defende o seu 'dereito' a meter o gas pola regasificadora que queira. Desde Gas Natural explican que nunca introducen na rede de gasodutos o combustible destinado a un só cliente: os seus envíos bifúrcanse cara a varias centrais distintas e xa que logo necesita facelos desde puntos mellor conectados que a planta de Ferrol. A Comisión Nacional da Enerxía engade que os gaseros de Gas Natural adoitan ir ás regasificadoras de Barcelona e Huelva" (énfase engadida, El País, 1-09-2007).

Este último desenvolvemento dos acontecementos foi interpretado polo CCE como un sinal de que Endesa, a pesar de controlar o 21% do capital de Reganosa, percibe a inseguridade legal sobre a que opera a regasificadora e "prefire amarrar un subministrador para non correr riscos nos contratos de electricidade que teña feitos a partir da entrada en funcionamento dos seus ciclos combinados d'As Pontes" [22]. É dicir endesa está principalmente interesada no negocio de aprovisionamento eléctrico e non tanto no sector gasístico e decide as súas estratexias empresariais en consecuencia. Doutra banda, o que tamén llo cuestiona é a estratexia da Xunta respecto ao apoio a unha plataforma gasística galega, un dos argumentos fundamentais esgrimidos por todos os partidos maioritarios (PSdeG-PSOE, BNG, PP): "Se a Xunta de Galicia de verdade quere traballar por unha plataforma gasista galega está a tempo para iso no Porto exterior ou en mar aberto do Golfo Ártabro, con outros operadores distintos que Reganosa que os ten e sábeno" [23]. A interpretación do CCE vai no sentido de que a actitude de Endesa apunta a unha interpretación por parte da empresa enerxética de que existen posibilidades reais de que finalmente o proxecto Reganosa se paralice. É dicir interprétase como unha vitoria parcial do movemento social do CCE.

Índice


______________

[20] El País, 19-04-2007.
[21] El País, 1-09-2007.
[22] Correo electrónico enviado polo coordinador do cce, Carmelo Teixeiro, coa noticia e o seu comentario, 2-09-2007, cita textual.
[23] Correo electrónico enviado polo coordinador do cce, Carmelo Teixeiro, coa noticia e o seu comentario, 2-09-2007, cita textual.

_____________________

Copyleft 2010 Colectivo Ártabra 21 - Designer: Douglas Bowman | Dimodifikasi oleh Abdul Munir Original Posting Rounders 3 Column